Guerra

A guerra é un conflito armado entre estados, gobernos, sociedades ou grupos paramilitares como mercenarios, insurxentes e milicias. Caracterízase xeralmente por unha violencia extrema, destrución e mortalidade, utilizando forzas armadas regulares ou irregulares. Aínda que algúns estudosos de belicoloxía consideran que a guerra é un aspecto universal e ancestral da natureza humana, outros argumentan que é o resultado de circunstancias socioculturais, económicas ou ecolóxicas específicas. Este tipo de conduta gregaria é extensible á maior parte dos homínidos e atópase estreitamente relacionado co concepto etolóxico de territorialidade. A guerra é a forma de conflito socio-político máis grave. É quizais a máis antiga das relacións internacionais e xa no comezo das civilizacións se constata o enfrontamento organizado de grupos humanos co propósito de controlar recursos naturais ou humanos (conflitos entre cazadores nómades e recolectores sedentarios que desenvolveron o concepto de propiedade), esixir un desarme ou impor algún tipo de tributo, ideoloxía ou relixión, sometendo, despoxando e no seu caso destruíndo o inimigo, no que se podía chegar ao xenocidio. As guerras prodúcense por múltiples causas, entre as que adoitan estar o mantemento ou o cambio de relacións de poder, dirimir disputas económicas, ideolóxicas, territoriais etc. En ciencia política e relacións internacionais, a guerra é un instrumento político, ao servizo dun estado ou outra organización con fins eminentemente políticos, xa que en caso contrario constituiría unha forma máis desorganizada aínda que igualmente violenta: o bandoleirismo por terra ou a pirataría por mar. Segundo Richard Holmes, a guerra é unha experiencia universal que comparten todos os países e todas as culturas. Segundo Sun Tzu, «a guerra é o maior conflito de estado, a base da vida e a morte, o Tao da supervivencia e a extinción. Polo tanto, é imperativo estudala profundamente». Segundo Karl von Clausewitz, a guerra é «a continuación da política por outros medios». As regras da guerra, e a existencia mesma destas, variaron moito ao longo da historia. O concepto de quen son os combatentes tamén varía co grao de organización das sociedades enfrontadas. As dúas posibilidades máis frecuentes son civís sacados da poboación xeral, xeralmente varóns novos, en caso de conflito, ou soldados profesionais formando exércitos permanentes. Tamén pode haber voluntarios e mercenarios. A combinacións de varios ou de todos estes tipos de militares son así mesmo frecuentes. As formas de facer unha guerra dependen dos propósitos dos combatentes. Por exemplo, nas guerras romanas, que tiñan como obxectivo expandir o Imperio, o obxectivo militar principal eran os combatentes da nación que se ía conquistar, para incorporar o pobo unha vez conquistado ao imperio. En ocasións faise distinción entre conflitos armados e guerras. De acordo con este punto de vista, un conflito só sería unha guerra se os belixerantes fixeron unha declaración formal da mesma. Nunha concepción da doutrina militar dos Estados Unidos non se fai distinción ningunha, referíndose aos conflitos armados como guerras de cuarta xeración.


Developed by StudentB